01 de Xullo de 2008
“… e desta vez por todos os mares da Lusofonía cum disco preciosista,
delicado, doce e salgado. Uxía é a mulher argalheira que leva o sul
galego na voz. Mulher que conquista os palcos e conmove cantando um
tango na taberna ou um alalá no grande teatro.
Uxía é a minha amiga, é uma voz de referéncia para a minha geraçom.”
Ugía Pedreira
01 de Xullo de 2008
“Era verdade, a palabra, as nosas palabras máis íntimas, onde
situamos o mellor dos afectos, son portas dimensionais que nos enlean
directamente nas emocións de persoas das xeografías máis afastadas.
Brasil, Angola, Azores, Cabo Verde… todos coñeciamos a teoría,
todos soñamos con tal encontro.
Mais tras décadas de debate de salón, ninguén dera atopado o elemento
prodixioso que puidese catalizar tal alquimia.
E chegou Uxía coa pedra filosofal: mesmo máis alá do talento, a amizade.
Eterno Navegar, a ruta fascinante dunha artista que converteu
cada viaxe nun recoñecemento, nunha incitación na intimidade creativa de
músicos de todas as ribeiras.
A amizade, esa forza subversiva é quen de iluminar un novo espazo líquido
-que é auga de Brasil, Angola, Azores, Cabo Verde..; e que ao tempo é un océano
sen límites, moito máis grande que Brasil, Angola, Azores e Cabo Verde xuntos-,
un espazo líquido para nos mollar ata a cerne.
A música galega foi berro, un lampo de luz a anunciar que (re)-existimos.
Agora Uxía inventa o futuro con este disco-manifesto:
Pobos do planeta, valaquí estamos vivas e creativas, unha cultura chantada
no centro do océano, que devece por acollervos e remexer co voso talento.
Queremos facer máis feliz ao mundo coa riqueza da nosa identidade”,
a profecía de Luis Seoane virouse revelación.
Uxía -morna, lira, forró - tras viaxar polos mares todos, condúcenos
de arribada -cheos de sabedoría- ao cais da orixe: “Unha noite na eira
do trigo”. E entón, descubrimos a alegría do reencontro! que a canción
da tribo era, en rigor, un camiño no Atlántico. Alicerces de auga, cen
anos agardando polo amor desta artista, para construír xuntos un
eterno navegar.”
Xurxo Souto
30 de Xuño de 2008
Uxía chega ao Festival de Ortigueira co seu último traballo, Eterno Navegar (Harmonía Mundi-Word Village 2008).

Baixo a dirección musical de Paulo Borges, pianista e tamén coprodutor, o concerto será un percorrido polo repertorio deste novo traballo, froito do intenso contacto que a artista mantén coa Lusofonía e os ritmos atlánticos, a un tempo que interpretará unha selección retrospectiva daquelas pezas máis representativas na súa traxectoria
O espectáculo , terá lugar o domingo 13 de xullo (22.00 h), incluído na programación do festival, e incorporará nel á gran banda de músicos que reproducen ao vivo as sonoridades atlánticas características neste traballo. Eterno Navegar preséntase ante o público de Ortigueira como un disco preciosista, delicado, doce e salgado no que Uxía emprende unha intensa travesía “mirando” cara o sur.
Das Illas Açores, sempre porto de abrigo, chega Paulo Borges, músico, compositor e responsable dos arranxos. En cada porto visitado, Uxía foi recollendo á súa mariñeiría: da Guiné Bissau chega Manecas Costa, de Porto desembarca Quiné, en Lisboa enrólase Rubén Santos, e de Cabo Verde chégannos e sorprenden os frenéticos ritmos do cavaquinho de Jon Luz…
convidados
MANECAS COSTA | Guinea Bissau | voz e guitarra
JON LUZ | Cabo Verde | voz e cavaquinho
RUBEN SANTOS | Portugal |trombón
banda base
PAULO BORGES | piano e dirección musical
QUINÉ | batería e percusións
XACOBE MARTINEZ | contrabaixo
XAN PAMPÍN | acordeón
contacto
info@uxia.net
981 555 930
Nordesía Producións S.L
máis info
www.festivaldeortigueira.com
06 de Xuño de 2008
Dispoñibles para descargar fotos de Uxía e a portada do disco Eterno Navegar.
Imaxes en formato tiff a 300ppp.
26 de Maio de 2008

Eterno Navegar, novo disco de Uxía
Este agardado disco é o froito das continúas ansias por atopar novos horizontes aos que levarnos,novas paisaxes para nos mostrar. Nel, as raíces máis galegas conviven con estes cantos portugueses e africanos dun xeito natural, innovador e vangardista, achegándonos quince temas baixo un estilo moi persoal que percorre as sonoridades do atlántico, fundindo estilos do fado ó alalá e á morna.
Xunto a Paulo Borges, produtor artístico, esta artista referencial na nosa música préstanos a súa voz, máis plena e matizada ca nunca. Logra que os versos de Celso Emilio teñan o sotaque da Alfama, e que a Berenguela repenique ao ritmo do Cabo Verde cósmico de Jon Luz. Fai que as mornas de Mindelo se tingan de acentos galegos; rescata a sensualidade irónica dos cabarés dun Berlín que ben podería estar enBos Aires; trae ata o Miño as falúas do Tejo e consigue que a Virxe da barca deixe abalar a súa pedra ao son da lira dos Açores.
Uxía preséntanos seu quinto traballo discográfico en solitario,
Eterno Navegar
Eterno Navegar é un disco de autora, pois se ben bota man da voz de poetas como Curros, Celso Emilio ou Marica Campos, a metade das cancións son creación da artista en íntimas confesións ou deliciosos artificios con letras e melodías da súa autoría. É un traballo de madurez vital e artística, repleto de sensibilidade que amosa abertamente a plenitude serena dunha artista para quen, a música, a arte e a vida son un todo, e para quen crecer, non é senón un “eterno navegar”
O son e arranxos de Paulo Borges, a voz de Uxía e o traballo conxunto da excepcional banda, fan ademais que seu directo reflicta ao vivo de xeito especial o valor engadido que agocha este disco. O libreto que o acompaña, amósanos ademais outras disciplinas artísticas con valor de seu, como as intervencións fotográficas da man do polifacético Quim Farinha. As diferentes músicas conxélanse en imaxes de gran potencia visual. Con localizacións e materiais testemuñas dese atlántico, aporta ao disco a visión estética contemporánea “deste mar que nos une”
Á venda en Galiza, resto do Estado e Portugal
Baixo este coidado formato, coa produción executiva de Nordesía Producións e distribuído polo selo Harmonía Mundi-World Village, o traballo está xa dispoñible nos principais puntos de venda de música en Galiza, resto do Estado e tamén de Portugal.
22 de Marzo de 2008
Presentación en concerto no ciclo SONS DA DIVERSIDADE.
Compostela, 15 de marzo de 2008
Uxía estreou o disco Eterno navegar coa súa presentación en concerto na noite do 15 de marzo en Santiago de Compostela. Durante esta posta de largo, a artista compartiu escenario con Tito Paris como convidado especial. Uxía interpretou os temas do novo disco e outros de traballos anteriores, finalizando logo de sair por dúas veces a interpretar tres bises a petición do público e agasallar como peche cantando o último tema da noite a capela.
O seu coidado espectáculo incorporou unha excelente banda que reproduciu a sonoridade atlántica que impregna o disco. Coa dirección musical a cargo do pianista Paulo Borges, tamén coprodutor de Eterno Navegar. O concerto de presentación foi un percorrido polo repertorio do novo traballo discográfico e a un tempo unha retrospectiva selectiva daquelas pezas máis representativas da súa traxectoria.
Banda base: Paulo Borges | piano e dirección musical; Quiné | batería e percusións; Xacobe Martinez | contrabaixo; Santi Cribeiro | acordeón Convidados TITO PARIS | Cabo Verde | voz e guitarra; MANECAS COSTA | Guinea Bissau | voz e guitarra; JON LUZ | Cabo Verde | voz e cavaquinho; RUBEN SANTOS | Portugal |trombón; PULPIÑO VIASCÓN | Galicia | serrucho; QUIM FARINHA | Galicia | violín; ANXO PINTOS | Galicia | zanfona
12 de Marzo de 2008
Mércores 12 de Marzo ás 12.30 h. Auditorio de Galicia. Avenida Burgo das Nacións, s/n
Uxía preséntanos o seu novo disco, Eterno navegar. Un traballo no que a música non é a única protagonista, a poesía, a fotografía e outras linguaxes de expresión artística deixan tamén a súa pegada sonora e visual neste proxecto.
O seu novo e coidado espectáculo poderémolo gozar en primicia o próximo 15 de marzo, dentro do ciclo Sons da Diversidade. Unha ocasión especial na que Uxía estrea a súa nova banda, coa que nos traslada aos ambientes atlánticos que caracterizan este disco.
Ademais da artista interviron:
Nestor Rego: Concelleiro de Cultura do Concello de Santiago
Paulo Rodríguez: Director do Auditorio de Galicia
Paulo Borges: Compositor, coprodutor e arranxista de Eterno Navegar
Quim Farinha: Músico, creativo e artífice das fotografías de Eterno Navegar
Fotos rolda de prensa (.zip, 2,1 Mb)
Identificación |
Uxía, gerido com
WordPress
Entries (RSS)
and Comments (RSS).