inicio > eterno navegar / fotografía
Nun primeiro momento, cando Uxía me fixo a proposta de realizar as fotografías para o seu novo traballo, non tiña demasiado claro aceptar semellante reto. Eu xa tiña gravado violíns como convidado nos seus dous anteriores traballos, mais esta foi a primeira vez que se me propoñía facer unha colaboración discográfica fóra da linguaxe musical, que para min ata entón era o habitual.
Non conforme, Uxía afondou na explicación do seu proxecto e comezou por transmitirme o sabor esencialmente atlántico das distintas músicas e mencionar as colaboracións que nelas intervirían, provenientes das distintas terras da lusofonía atlántica.
Así entón, non tardaría en involucrarme, seducido pola idea de plasmar graficamente ese concepto. Atendendo a isto, pensei que sería moi interesante realizar unha serie de intervencións artísticas, utilizando precisamente aqueles materiais que configuran a nosa paisaxe, e que levan mudando de lugar durante séculos, ou mesmo milenios, a través dese mar que nos une. Metaforicamente falando, do mesmo xeito mudan as influencias musicais entre as distintas culturas Atlánticas.
Calquera cuncha, area, cristal, madeira, ou mesmo algunha que outra semente que podemos atopar en cada praia, dan testemuña deste fluír constante no tempo e no espazo.
O resto do traballo foi doado. Atopar as localización axeitadas para cada idea e para cada tema, carrexar materiais dun lado cara outro, loitar ás veces contra os elementos: sol, vento, mareas... e finalmente a fotografía como soporte definitivo.
Todo este espazo-tempo conxelado nunha imaxe... fican recollidos os sons dese mar no soporte fonográfico.